Se todos os camiños levan a Santiago, no século IX, para os primeiros e primeiras peregrinos/as xacobeos/as, os máis cómodos son as antigas calzadas romanas. O rei Afonso II, segue o percorrido en liña recta que usarán as lexións e os minerais para ir de Oviedo á costa Atlántica, pasando por Lugo. Este rei manda construir sobre o sepulcro recentemente descuberto do Apóstolo Santiago unha primeira igrexa, que dotará dun couto para a súa protección.
Este Camiño Primitivo é polo tanto o máis antigo, vencellado á orixe do culto xacobeo. Nunca deixará de ser transitado: para moitos e moitas peregrinos/as medievais, era tan importante visitar en Oviedo ao San Salvador como as reliquias do Apóstolo en Compostela. Para os e as camiñantes de hoxe, é unha ruta con moito atractivo polo patrimonio cultural e paisaxístico que percorre.
Leva uns 9 días andar de Oviedo a Lugo, por vales e montañas que poden presentar certa dureza física. É un itinarario que sobe, por Grado, Salas, Tineo e Hospitales superando en varios puntos os 1000 m. de altitude antes de chegar á Fonsagrada e Montes de Burón, a primeira etapa en Galicia.
O camiño entra no concello de Lugo cruzando o rego de Romeán e, despois de atravesar Gondar, o/a peregrino/a sobe a Costa Francesa para chegar á parroquia de Bascuas. Pasando os lugares de Viñas e Castelo entra en Lugo polo fermoso e pouco coñecido barrio da Chanca.
Despois de descansar na cidade e visitar o Santísimo en exposición permanente na Catedral, os peregrinos e peregrinas baixan pola Capela do Carme, sucesora da antiga Virxe do Camiño, cara a ponte romana e o barrio de San Lázaro. Cruzado o río Miño, o tramo seguinte ata abandonar o concello de Lugo sobe polas parroquias de San Xoán de Alto, o Burgo, Bacurín e San Román da Retorta. Xa só quedan tres etapas para Compostela.