San Vicente do Burgo

Parroquia: O Burgo (San Vicente)

Igrexa parroquial. Do século XVIII. Aparello de perpiaño e boa factura. As terras desta freguesía e as súas limítrofes aparecen citadas no século XII. O mesmo nome de Burgo remítenos a un horizonte medieval.

 

Nave. Bóveda de canón barroca, con lunetos nos laterais. Portada principal alintelada, con molduras sinxelas e frontón semicircular; sobre el, fornela con imaxe do titular san Vicente, en pedra, e torre cadrada para campás. Porta lateral alintelada simple. Coro aos pés, en pedra. Tellado a dúas augas.
Capela maior. Cuadrangular, con bóveda de media laranxa sobre pendentes, rematada en lanterna. Tellado a catro augas. Sancristía pegada á cabeceira.
Retablos. O maior, de fins do século XVIII, ten unha imaxe actual do Sacro Corazón, san Ramón 0,60, e san Vicente, 0,90. O corpo superior e os ángulos ocupados polas pendentes presentan figuras de anxos sostendo os candelabros, século XVIII e boa factura. Arredor do retablo e a cúpula, pinturas de escaso interese, quizais retocadas en 1855, data que consta neste. Outro no lado esquerdo da capela maior, neogótico, século XIX – XX, con imaxe da Virxe do Carme de escaso interese, e san Simón e santa Tareixa, de xeonllos, ambas de 0,60 e do século XVIII. No lateral esquerdo da nave retablo neoclásico con imaxe da Virxe, actual; e no lateral dereito outro de estilo moi popular, século XVIII, con imaxe de santa Lucía, 0,60.

 

Pegadas provisionalmente ao altar maior, imaxes de san Bartolomeu e santo Anxo, de 0,50. Nos lenzos norte e sur da nave, dous crucifixos de 0,80 e 0,30, respectivamente.

 

Dúas pequenas pías de auga bendita, unha en cada porta, e outra maior para bautismos, as tres da época da igrexa. Dous cepillos decorados con molduras pintadas en dourado e en regular estado de conservación, século XVIII.

San Vicente do Burgo

Século XVIII

Localización

O Burgo (San Vicente) 27233 Lugo

Cordenadas

42º 58' 11.0" N - 7º 38' 38.9" W

Mapa Connexio

Category
Espazos