San Miguel de Bacurín

Bacurín (San Miguel)

Importantísima peza románica rural, do século XII. Aparello de perpiaño. A partir de 960 cítase en documentos o lugar de San Miguel de Bacurín, que se repite con certa frecuencia no século XIII.

 

Nave. Cuberta de madeira, con catro xanelas sinxelas, dúas a cada lado que adoptan a forma de seteira rectangular alongada polo exterior. A fachada principal debeu de sufrir importantes reformas, pero conserva porta románica abucinada, con tres arquivoltas molduradas e decoración de billetes no extradorso exterior. Baixo a imposta, pouco encaixada no muro, tres columnas pegadas a cada lado con base xeométrica, fuste liso e esveltos capiteis de inspiración vexetal; completan o conxunto un tímpano liso e xambas tamén lisas. Portada lateral románica, de dobre arquivolta e liña de impostas lisa; debaixo dela, dúas columnas, unha a cada lado, con capiteis de inspiración vexetal e base sinxela; tímpano liso bilobulado, con xambas decoradas por sinxela moldura. Sobre a fachada, espadana de dous vans.

 

Ábsida. Ábrese á nave con arco triunfal de medio punto sostido por semicolumnas. Está dividido en dous tramos, o primeiro recto con cuberta de bóveda de canón e o segundo semicircular, con cuberta de bóveda de cuarto de laranxa. Xanela ao fondo, con arquivolta sostida por imposta lisa e dúas columniñas con capitel vexetal e fuste sen decoración; na arquivolta, decoración de billetes; a xanela péchase en seteira lisa e repite o mesmo esquema por dentro e por fóra. Dúas semicolumnas percorren a ábsida de arriba abaixo polo exterior. Os canzorros, en número de 16, son lisos ou con decoracións vexetais e figuras de gran volume e calidade, que semellan representar vicios. Sancristía pegada ao lateral dereito da ábsida, co tellado a tres augas, e de época posterior ao resto da edificación.

 

Retablos. Maior: barroco, séculos XVII- XVIII. Imaxe de san Miguel, da época do retablo, 1,15; Inmaculada, dun metro, e crucifixo, 0,60; completa o repertorio de imaxes un Sacro Corazón actual. Tras o retablo ocúltanse pinturas de difícil observación e catalogación. Lateral: barroco popular, sen trazos destacables.

 

Pazo. Ao pé da igrexa hai unha casa con patio que só conserva da súa vella fidalguía un escudo na porta de acceso, con decoracións barrocas, en pedra.

 

Prehistoria e etnografías. Próximas ao lugar de Bacurín existen as chamadas Castronelas, nome que se aplica na zona ás defensas castrexas e antecastros. Nelas, ao realizar distintas faenas agrícolas, apareceron restos de difícil precisión e paradoiro descoñecido

 

Textos © JMGR José Manuel González Reboredo/Inventario artístico de Lugo y su provincia. Tomo I. Abadín – Campelo. Servicio Nacional de Información Artística Arqueológica y Etnológica, 1975

San Miguel de Bacurín

Siglo XII

Localización

Bacurín, 27232 Lugo. Camiño Primitivo

Coordenadas

42º 58' 05.0" N - 7º 41' 18.9" W

Mapa Connexio

Category
Espazos